Incorpórate ao rural
A agricultura ofrece moitas oportunidades laborais e vitais. Incorporarse ao sector é un proxecto ilusionante, mais non está exento de retos. Dende a asociación Seitura 22 podemos apoiarte a definir o teu plan e identificar os recursos necesarios para poñelo a andar.

Experiencias inspiradoras
Apoio a novas e novos entrantes no acceso a terras
Este documento do proxecto TERRACTIVA recopila unha serie de experiencias de apoio ao acceso á terra de Novos Entrantes (NE) en España e en toda Europa. Pretende ser unha fonte de inspiración sobre as diversas formas en que se pode facilitar o acceso á terra a aqueles que desexen abrirse camiño na agricultura.
Productores locais
Comezamos unha viaxe á orixe dos menús saudables da rede Ecocomedores da man dos produtores locais, realizaremos un percorrido polas explotacións que fornecen as despensas dos nosos coles.

Leticia Iglesias
Horta da Avoa María
Trátase dunha das produtoras que fornecen as despensas dos centros para ofrecer, os pratos saudables cos que favorecer unha dieta sa e equilibrada.
Traballa media hectárea de finca na ribeira de Santa María de Neda, e conta con 2 invernadoiros que suman preto de 300 m2. Alí, atoparemos produto sempre fresco e de tempada, e con certificado en ecolóxico. Agora, medran nabizas, verza galega, leituga, kale, tirabeques ou cebolas.
Un surtido que tamén comercializa para clientes finais e algún que outro local de hostalería. Tan sinxelo como achegarse á horta, botar un ollo, seleccionar e mercar. Produtos km0 que favorecen un consumo consciente e contribúen a reducir a nosa pegada ecolóxica.

Ignacio Bellas
Granxa de Gundín
Toma o seu nome do lugar no que se empraza, en San Sadurniño. Herdeiro da tradición da súa avoa Piedad, hai 9 anos recuperaba o uso agrario da terra familiar e comezaba co seu viveiro de árbores e coa plantación de maceiras autóctonas. De aí, ampliou horizontes coa horta e os invernadoiros, e hai uns anos, diversificaba actividade coa cría de ovella de raza galega.
Hoxe en día, conta cun viveiro duns 3.000 metros cadrados e máis de 400 árbores. A súa especialidade é, sen dúbida, a mazá, e traballa tantas variedades como poidamos imaxinar, pero todas autóctonas. A da sega, a príncipe, pradanova, tres en cunca, as de San Xoán… A reineta de gardar, a última do ano, está a converterse nunha das sobremesas estrela dos coles da Rede Ecocomedores. Unha mazá que entra polo ollo para ofrecer un sabor que enche a boca . E nun mes, sumará á súa oferta frutal kiwis e mandarinas. Froitas 100% ecolóxicas para uns menús 100% saudables.

Gonzalo Rodríguez-Tenreiro
Horta de San André
No Concello de Valdoviño, e concretamente na parroquia de Sequeiro está ubicada a Horta San André de onde saen cada semana as estupendas leitugas que serven de base para as ensaladas dos comedores dos coles.
En 2020 botaba a andar o seu proxecto empresarial nunha parcela de 7.000 metros cadrados, dos que 3.000 están ocupados por invernadoiros. Iniciouse cultivando leituga de variedades como a riza, de folla de roble ou alisa; tomate -hai uns días retiraba os últimos-, repolo ou xudía -que pranta en exterior-. O groso da súa produción véndese en Coruña e Ferrol, e o seu obxectivo é lograr que o 100% dos seus cultivos queden na zona, priorizando o consumo en circuítos curtos.
A súa entrada na rede Ecocomedores profundiza nesa meta, un proxecto que coincide en principios coa súa filosofía de traballo, e que lle gustaría se estendese a todos e cada un dos centros educativos con cociña propia da zona, avanzando deste xeito nunha alimentación consciente.
Tes algunha pregunta ou queres poñerche en contacto connosco?
Estamos aquí para axudarche. Se tes dúbidas ou comentarios, escribenos ao noso email ou chamarnos por teléfono.





